Actas do 1º Congreso galego sobre cruceiros e cruces de pedra. Editorial: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía ( AGCE, S. L.) Ano de publicación: 2009 Lugar: Vigo.
ISBN: 978-84-87904-90-5
Autor: Varios
Descripción: 256 páxinas
Entre os días 11 e 12 de setembro de 2009 celebrouse no Casal de Ferrreirós, Centro Cultural do concello de Poio o I Congreso Galego sobre o cruceiro.
Expertos no tema debatiron sobre a problemática dun dos elementos etnográficos máis espallados por toda Galicia, e que sen dúbida se atopan nunha situación de risco debido á súa febre construcción.
Neste libro recóllense as diversas comunicacións aportadas polos participantes.
Índice
Acaban de publicarse as “Actas do I Congreso galego sobre cruceiros e cruces de pedra”. Neste libro de Actas, editado en Pontevedra, o escritor exiliado de Ferrol, Juan J. Burgoa, publica o seu traballo “O Cristo da Tahona, un exemplo do abandono das cruces de pedra galegas”, dando a coñecer aos estudiosos do Patrimonio Cultural o triste caso de Ferrol, presunta cidade ilustrada, onde ten lugar este vergoñento desleixo e esta agresión a unha peza significada de época medieval
O CRISTO DA TAHONA,
UN EXEMPLO DO ABANDONO DAS CRUCES DE PEDRA GALEGAS
Juan J. Burgoa
Consideracións históricas
Dentro do Patrimonio Cultural galego salienta unha obra da arte relixiosa popular, o Cristo da Tahona, remate dun cruceiro levantado en Ferrol na época tardomedieval. Trátase dunha obra que reúne unha contrastada antigüidade, un notable interese dentro da arte popular e unha especial iconografía relixiosa, tendo un importante papel na memoria histórica e nas tradicións do ferrolán barrio de Canido.
Non hai constancia documental do lugar onde se alzou de orixe este cruceiro, nin as razóns polas que se levantou unha obra deste interese e mérito. Algúns autores aventuran o seu erguemento como sinal de límite entre a parroquia matriz de San Xulián de Ferrol e a entón freguesía rural de Santa Mariña do Villar. Para outros puido ser unha una obra votiva e de sacralización dun vello camiño medieval de romeiros que pasaba por Canido. Non obstante, dada a especial categoría da obra e a súa singular iconografía, amosando unha concepción culta da escultura, é probable que estivese ligada ao convento de San Francisco, podendo alzarse no Campo de San Roque ou nun lugar próximo ao devandito convento.
Os cruceiros da época gótica vencéllanse ás ordes mendicantes, cunha iconografía onde a cruz e o Crucificado xogan un papel esencial dentro da meditación sobre a Paixón. Así, o anterior papel de fito e sinal cristianizadora de lugares e camiños que tiña o cruceiro deixou paso a unhas funcións máis ligadas ás devocións populares e á ensinanza aos fieis. Deste xeito prodúcese o nacemento do cruceiro dentro dun contexto urbano ou periurbano, ligado de xeito espacial e estilístico a un templo que lle serve de referencia. Dentro deste contexto poderíase situar a orixe do Cristo da Tahona, relacionado co próximo convento de San Francisco.
No que atinxe á súa historia coñécese que estivo bastamente empotrado desde o ano 1850 na fronte dunha vivenda da praza da Tahona no barrio de Canido. Desa maneira permaneceu a cruz ata o ano 1987, data na que foi desmontada e retirada polos propietarios do inmoble por mor das obras de remodelación do edificio. Adquirido polo concello ferrolán foi exposto durante algún tempo, nos primeiros anos deste século, no Centro Cultural Municipal. Coa desculpa da súa restauración foi pronto retirado da súa visión pública, sen que as sucesivas corporacións municipais de Ferrol tomasen medida algunha para recuperar unha obra de tanta relevancia.
Aspectos artísticos e iconográficos
Desde o punto de vista artístico, o cruceiro inclúese na chamada arte popular, caracterizada polo labor duns artífices locais que traballan no medio rural por encargo do propio pobo, elaboran a súa obra con materiais autóctonos, dotándoa simbolicamente con elementos referentes ás costumes e crenzas tradicionais do lugar. A arte popular caracterízase por unha figuración elemental e basta, unha presentación frontal e simétrica por esixencias de culto, unhas faccións de pouca expresividade e unhas actitudes hieráticas e ríxidas. Distínguese tamén polas súas figuras de canon curto e formas redondeadas dentro dunha talla de pouco volume.
O Cristo da Tahona participa destas características dentro da interpretación do estilo gótico de fondo contido dramático, amosando unha imaxe de Cristo morto, coroado de espiñas, cabeza caída á dereita, os ollos pechados, crucificado cos pes cravados xuntos. Trátase dun Cristo sufrinte na súa Paixón, adaptado á natureza humana, abandonando a concepción da arte románico dunha imaxe hierática e serea dun Cristo vivo, con coroa real, crucificado cos pes separados, representando a superación da dor e da morte.
O eixo e motivo da obra é unha talla de Cristo de formas sigmoides, amosando un forte patetismo naturalista e expresando o sufrimento da morte. Trátase dunha escultura de labra sumaria e falla de proporcións de Cristo crucificado con tres cravos, coas mans abertas e a perna dereita rotada sobre a esquerda, carente de supedáneo de apoio. A cabeza, de longas guedellas, carece de coroa de espinas, caendo francamente sobre o ombreiro dereito, mentres que se cubre cun amplo perizoma de nó á dereita. A cruz é de forma latina e sección cuadrangular, lixeiramente moldurada nas arestas e rematada de forma flordelisada, apoiándose a xeito de capitel sobre un conxunto de pedras redondeadas, que puidera representar o monte Calvario.
Acompañan ao Cristo unhas figuras pequenas e moi erosionadas que compoñen unha escena do Calvario. Á dereita aparecen tres efixies nunha composición que semella o chamado Pasmo da Virxe, tamén coñecida como as Tres Marías, onde a Nai de Deus, asoballada polo sufrimento da Paixón, é confortada por María Magdalena e María de Cleofás, sendo a única representación coñecida deste motivo nunha cruz de pedra galega de época tardomedieval. Á esquerda da imaxe de Cristo aparece San Xoán Evanxelista, nunha actitude aflixida onde chama a atención o tamaño das súas mans. Amósase nunha tradicional representación de home de aspecto xuvenil, vestido de longa túnica de leve tratamento nos seus pregues, sen barba e con melena de longas guedellas, mentres que as súas amplas mans se xuntan sobre o peito nun xesto de recollemento.
A parte traseira da cruz presenta no centro de los brazos, inscrito nun círculo, un desgastado monograma gótico de JHS, abreviatura do nome grego de Jesucristo usada desde os primeiros séculos do Cristianismo. A presenza deste relevo e o tratamento no reverso das vestimentas de San Xoán e as Santas Mulleres indica que esta cruz podería ser de orixe o remate dun cruceiro, mais non descarta a posibilidade de que realmente fose unha cruz de altar ou que procedese dun fornelo ou pequeno oratorio, logo reutilizada como cruceiro.
Aspectos costumistas e patrimoniais
Foron moitos os escritores e poetas de Ferrol que adicaron suxestivas e requintadas páxinas ao Cristo da Tahona, do mesmo xeito os pintores e ilustradores locais reflectiron nos seus traballos esta belida escultura. Colocada durante moitos anos á vista pública na praza da Tahona, lugar significado do barrio ferrolán de Canido, serviu de sinal de identidade e de referencia histórica, relixiosa e sentimental aos veciños do barrio, de tal forma que a copla popular así o lembra:
A la entrada de Canido
al llegar a la Tahona
lo primero que se ve,
un santo Cristo de piedra
arrimado a la pared.
A súa notoriedade e interese transcendeu as fronteiras galegas. A revista Portugalia, editada pola Universidade portuguesa do Porto, publicou o ano 1996 un artigo sobre o Cristo da Tahona, no que Xosé C. Valle, director do Museo de Pontevedra, confirmou o seu mérito e antigüidade, considerándoa unha das escasas cruces de pedra conservada hoxe que poden datarse a finais da Idade Media. A nivel local, o ano 1999, quen isto escribe publicou un traballo titulado “O Cristo da Tahona. Sinal de identidade do barrio de Canido”, onda afondaba en diversos aspectos desta obra e denunciaba a súa privanza da vista pública xa naquel intre.
Desde que o ano 1987 foi desmontado do seu secular acubillo, tras un pequeno lapso de tempo no que estivo exposto no Centro Cultural Municipal de Ferrol, o Cristo da Tahona foi retirado de novo levando a cabo unha triste peregrinaxe por diversos lugares fora e dentro da urbe co pretexto da súa restauración sen que se coñeza onde hoxe se atopa, nunha triste mostra da ignorancia e desleixo dos actuais e anteriores responsables culturais do Concello de Ferrol.
Coas debidas reservas destes casos, todo apunta a que o Cristo da Tahona é unha obra datable a finais do século XIV. Trátase dunha notable cruz do período final da Idade Media, na que a pesar da súa indubidable rudeza de labra, aprécianse certos matices cultos na súa concepción formal, presentando o interese engadido dunha interesante figuración, sen parangón no mundo do cruceiro. A maior abastanza é a escultura máis antiga da urbe, a única obra tardomedieval conservada en Ferrol e unha das poucas cruces de pedra góticas conservadas en Galicia.
Como ocorre con toda obra de carácter etnográfico, a retirada do Cristo da Tahona do lugar que ocupou no pasado, rompeu a peculiar relación e equilibrio co entorno no que foi concibida, deixando de ter plena validez as tradicións a ela ligadas. É urxente que se lle busque a esta notable escultura o emprazamento visible, relevante e axeitado que corresponde a súa categoría.
Cristo de la Tahona sobre tarima - AMPLIAR
Cristo de la Tahona - AMPLIAR
Otros temas relativos a Ferrol:
El Castillo de San Felipe, por Marcelino González
Privilexios Ferrol Casa de Alba
******
Outro:
Nos días 24 e 25 de Setembro de 2010, a Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (Estanislao Fdz de la Cigoña) e a Asociación de Amigos dos Cruceiros (Juan J. Burgoa) celebran no Castelo de Sobroso o II Congreso sobre os cruceiros e as cruces de pedra, patrocinado polo Concello de Ponteareas